E-distrito

Noticias

Sindicatos e oposición advirten de «recortes» que para Xunta e PP só son «ruído»

Sindicatos e oposición advirten de «recortes» que para Xunta e PP só son «ruído»

  A Plataforma Galega en Defensa do Ensino convocou para este mércores diversos actos para protestar polos "recortes" de cara a este curso

  06 setembro 2022

  A Plataforma Galega en Defensa do Ensino convocou para este mércores 7 diversos actos para protestar polos "recortes" que, segundo denuncia, leva a cabo a Xunta de cara ao curso escolar. O colectivo, no que está integrado a CIG, chamou á protesta ás familias, alumnado e profesorado, ás 11:30 horas nos diferentes centros educativos, ademais dunha concentración á mesma hora fronte á sede da Consellería de Educación en San Caetano. 

  O secretario xeral de CIG-Ensino, en rolda de prensa, dixo non descartar "outro tipo de mobilizacións" de non haber resposta ás demandas por parte da Xunta. O sindicato nacionalista denuncia que este curso comeza "cunha nova tesoirada no emprego público docente". "A falta de cifras completas e xerais, que a Consellaría se nega a proporcionar, comeza con 717 docentes menos con destino provisional, segundo a comparativa da adxudicación definitiva de destinos co curso 21/22", explica tras advertir do recorte que o ano pasado supuxo 869 docentes menos. 

  Ademais, denuncia tamén  o peche de 59 aulas en Infantil e Primaria -coa perda dun cento de postos de traballo- xunto coa "redución de prazas que se viñan cubrindo nos centros de Infantil e Primaria con carácter provisional e se negan neste curso". "Tan só en Infantil e Primaria o recorte de mestras e mestres desde a chegada do PP á Xunta no 2009 é superior ao 10% ao tempo que o profesorado do ensino privado no seu conxunto aumentou preto do 6%", di. 

  Así, mentres a oposición coincide ao advertir dun importante recorte en profesorado para o curso que agora comeza, o PP acúsaa de "facer ruído" a conta do ensino. Este luns, o deputado do BNG, Manuel Lorenzo, aventurou o principio de curso "máis duro en varios lustros".

  "Cando a maioría das comunidades autónomas teñen os deberes feitos, a Xunta segue no canto peor, mellor", reproba, e incide na situación "aterradora" para as familias nun contexto de inflación "desorbitada", con custos "que non teñen precedentes" nos últimos tempos.

  Lourenzo asegura que "sete de cada 10 alumnos non recibe ningún tipo de axuda" no sistema educativo galego e preguntou "onde están" a Consellería de Educación, o PP, o presidente galego, Alfonso Rueda, e o titular do departamento, Román Rodríguez. E pediulles que deixan "a manipulación, a mentira e a vaguidade, características de cada inicio de curso" e que concreten "cantos profesores hai en persoal", excluídos os de reforzo para distintos programas.

  O deputado do Bloque asegurou que a Xunta "fala de 31.000 profesores"  pero "mestura profesores de persoal e profesores de programa, de reforzo", co obxectivo de "maquillar un dato que os deixa en evidencia". Ademais, advertiu que a proba da realidade dos recortes é que o único que está publicado no DOG ata o de agora é a orde do 2 de agosto que establece a resolución provisional de adxudicacións e que pon “negro sobre branco, con máis de 700 profesores menos a respecto do ano pasado”.

  Xa o sábado, o secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, asegurou que a Xunta se “nega a recoñecer unha realidade” que denuncian as ANPA, profesorado e alumnado, que advirten de recortes do persoal docente en distintas partes do país, como Noia, Tui, A Guarda ou Redondela. En total, enumerou “138 centros pechados dende que o PP goberna Galicia”. 

  Días antes, o secretario xeral dos socialistas, Valentín González Formoso, alertou das constantes queixas e dimisións dos equipos directivos dos institutos galegos tras recortes “curso tras curso” que xeran un gran nivel de “desmotivación”. "Só en educación infantil e primaria, segundo os datos publicados pola propia Xunta, cara o vindeiro curso se recortarán 59 unidades e case 100 postos de profesorado", dixo. 

  Ademais, este luns o PSdeG foi máis aló. O seu voceiro no Parlamento, Luís Álvarez, acusou a Xunta de "obstruír" o desenvolvemento dos currículos educativos para o novo curso como "elemento de confrontación" contra o Goberno central e acusou as comunidades presididas polo PP de non publicalos adrede. 

  Pola súa banda, desde o PPdeG, o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, respondeu aos grupos da oposición con acusacións de que a intención é "xerar ruído" coa "idea falsa" de que hai recortes no sistema educativo galego. En rolda de prensa, afirmou que, se hai algún atraso das editoriais cos libros de texto, "é un problema que se vai a liquidar nos primeiros días de curso".

  Pola súa banda, cualificou de "excesivas" e "alarmantes" as declaracións de BNG e PSdeG "sobre os posibles problemas do sistema educativo galego" estes días. Tamén aproveitou para "lembrar" que o sistema educativo galego conta con mellores cocientes, segundo o PP, debido á redución de alumnos e o mantemento de docentes. En concreto, cifrou en 15.000 a redución de alumnos en infantil e primaria, en relación ao curso prepandemia, e en 5.000 desde o ano pasado. "E ao mesmo tempo hai 130 aulas máis de infantil e primaria que antes da pandemia", destacou

  Así mesmo, reivindicou que a Xunta "fai fronte aos gastos derivados do inicio do curso nun momento de forte inflación" no que, criticou, o Goberno central "decidiu cambiar un número importante de libros", unha reforma "inoportuna".

  Desde o Goberno galego, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, insistiu varias veces en negar os recortes e asegurar que o curso iniciarase "con máis profesorado habendo menos alumnado".

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados