E-distrito

Noticias

O lume arrasa todas as vivendas do núcleo do Vilar, no Courel

O lume arrasa todas as vivendas do núcleo do Vilar, no Courel

  Case 4.000 hectáreas de terreo calcinado en Folgoso do Courel, segundo as últimas estimacións de Medio Rural.

  18 xullo 2022

  As lapas dos incendios que afectan o concello de Folgoso Courel calcinaron as vivendas do núcleo do Vilar. Trátase dunha zona con especial afluencia no verán, na que persoas doutros lugares da Galiza e o Estado español construíron segundas residencias.

  Máis de 9.000 hectáreas afectadas e veciñanza desaloxada: o parte dos incendios activos na Galiza

  Así o confirmaron fontes locais. Estas mesmas fontes tamén detallaron que, se ben durante o ano só tres ou catro domicilios están ocupados, no período estival ese número triplícase ou cuadriplícase.

  O municipio está a ser o máis afectado nesta vaga de lumes no país, con tres focos activos que suman case 4.000 hectáreas afectadas.  Destes tres focos, o máis grande é o que afecta a parroquia de Vilamor. Segundo as últimas estimacións de Medio Rural, este suma xa 2.500 hectáreas calcinadas.

  Os outros dous focos, situados nas parroquias de Vilamor e Seceda, afectaron 300 e 1.100 hectáreas de monte forestal respectivamente. Nos labores de extinción das lapas neste concello están a participar, ademais dos medios forestais dispostos polo Goberno galego, integrantes da Unidade Militar de Emerxencia (UME).

  Veciñanza desaloxada

  Segundo puido saber Nós Diario, un centenar de persoas tiveron que ser desaloxadas nos núcleos de poboación próximos aos incendios de Vilamor, e pasar a noite nun pavillón, resgardados das lapas e do fume.

  En declaracións a Europa Press, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, afirmou que o incendio "saltou cara á outra ladeira" en Vilamor, e asegurou que están "desbordados".

  En canto ao desaloxo da veciñanza, recoñeceu que houbo persoas que se enfadaron, pero que "non había outro remedio", ao tempo que asegurou sentir "impotencia" pola situación.

  Para a rexedora, o único obxectivo agora mesmo debe ser "salvar os pobos" e os núcleos de poboación que aínda non se viron afectados polo lume, para evitar que estes corran a mesma sorte que o Vilar.

  Derivado de Nós Diario

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados