Galicia sofre dende hai décadas unha crise de natalidade que a leva a rexistrar cada ano moitas máis defuncións que nacementos e a experimentar un progresivo envellecemento da poboación, só compensado minimamente grazas á inmigración. Dende 1988 o saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e mortes) é negativo no país e os datos de 2021, publicados este mércores polo INE, constatan que esta fenda continúa a aumentar.
O pasado ano naceron en Galicia 14.784 nenos e nenas, 500 menos que no ano anterior. Ao tempo, producíronse 32.841 mortes, unha cifra moi semellante á do 2020 (32.845), un ano marcado polo inicio da pandemia de COVID-19. Dende o ano 2020 en Galicia rexístranse dúas mortes por cada nacemento, unha ratio que no 2021 se consolidou e ampliou.