Esta semana a Comisión Europea deu o aprobado definitivo á "excepción ibérica" que defendían os gobernos de España e Portugal
13 xuño 2022
Esta semana a Comisión Europea deu o aprobado definitivo á "excepción ibérica" que defendían os gobernos de España e Portugal para pór un tope ao prezo do gas e tentar paliar así o notábel incremento do custo da electricidade. Ambos países levaban semanas a presionar Bruxelas para que aprobase unha medida pola que poderán regular o prezo do gas nos 50 euros o megavatio hora (MWh), cun período transitorio de seis meses no que ese prezo estaría en 40 euros.
Cando entrará en vigor?
A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, avanzou que a medida entrará en vigor esta próxima terza feira, día 14, polo que se empezarían a notar os seus efectos na poxa do mercado eléctrico para fixar os prezos da cuarta feira, 15 de xuño.
A medida terá finalmente unha vixencia de menos de doce meses, pois caducará o 31 de maio de 2023.
Cal será o prezo máximo do gas?
Inicialmente o tope ao prezo do gas será de 40 euros por megawatt e hora (euros/MWh); pasados seis meses, no semestre seguinte producirase un aumento mensual de cinco euros.
Alcanzará cumprido un ano os 70 euros/MWh, cando perderá a vixencia a medida. Deste modo, quedará un prezo medio de 48 euros/MWh.
As persoas adscritas á tarifa regulada percibirán cun carácter practicamente inmediato o efecto desta medida, mentres as que están no mercado libre notarano cando asinen novos contratos a un ano vista.
Segundo a ministra Ribera, este tope ao gas provocará que o prezo da electricidade no mercado maiorista non exceda os 130 euros/MWh, polo que a rebaixa na factura sería de "arredor de 30%".
O prezo do "pool" —prezo base que negocian as compañías produtoras e comercializadoras de enerxía— roldou nas últimas semanas os 200 euros/MWh.
Derivado de Nós Diario