O Observatorio Eólico calcula que só fica en Galicia o 5% dos beneficios obtidos pola produción de electricidade de orixe eólica.
06 xuño 2022
217 entidades de diversos ámbitos da vida social, económica e política da Galiza celebran este domingo, 5 de abril, o Día do Medio Ambiente cunha manifestación en defensa dun novo modelo eólico. A marcha, convocada polo coordinadora Eólica Así Non, arrancou ás 12 horas deste domingo da Alameda de Compostela e reclamou "unha moratoria dos proxectos eólicos en tramitación e unha nova planificación eólica", "un cambio de modelo enerxético que se enfronte á lóxica do crecemento capitalista" e a consideración da enerxía como "un dereito fundamental da sociedade, que poña o interese público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación".
Manifestación
A directiva de Adega, Belén Rodríguez, amosa a preocupación do movemento ecoloxista no actual contexto. A este respecto, considera "un despropósito o actual desenvolvemento eólico sen ter procedido previamente a planificar e ordenar o territorio" e lamenta "a paralización da ampliación da Rede Natura tal é como ten solicitado a Unión Europea e a ausencia de protección para os ecosistemas acuáticos".
Na mesma liña, reclama un deseño "coherente coas directivas europeas de protección ambiental así como a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos de especies migradoras".
Brais Álvarez é un dos coordinadores da plataforma Eólica así Non da comarca de Meira, onde promoven instalacións eólicas que suman 278 megawatts e afectan a terras de alto valor agrícola. Así, Álvarez significa que "todos os emprazamentos previstos para os parques proxectados na serra de Meira están situados fóra do territorio delimitado polo Plan sectorial eólico da Galicia". Nesa liña, o Goberno galego ten informado desfavorabelmente a súa instalación, porén Álvarez destaca que "isto non implica nada porque ao ser instalacións de máis de 50 megawatts a competencia para a súa aprobación é do Estado".
Os prexuízos económicos destas proxectos eólicos preocupan de maneira particular á veciñanza. Unha mostra disto é o importante número de explotacións gandeiras con relevo xeracional afectadas, pero tamén a oposición de organizacións empresariais, como a Asociación de Comerciantes e Industrias de Meira, que mesmo ten apoiada mobilizacións contra estas instalacións eólicas.
Os donos da eólica
A práctica totalidade dos beneficios xerados polos parques eólicos marchan fóra da Galiza. A este respecto, o Observatorio Eólico da Galiza calcula que só fica no país 5% dos beneficios obtidos pola produción de electricidade de orixe eólica, drenando os operadores enerxéticos propietarios das instalacións eólicas galegas 95% restante a aquelas nacións onte teñen a sede fiscal. Neste sentido, cinco empresas de capital foráneo, Iberdrola, Acciona, Naturgy, Endesa e Energias de Portugal (EDP), son as principais empresas por potencia eólica instalada na Galiza.
A economista da Universidade de Santiago de Compostela Rosa Regueiro sinala que "88% da enerxía eólica instalada na Galiza é propiedade de fondos de investimento estranxeiro". Así, explica que "se pode observar que os grupos enerxéticos, como Iberdrola, Enel Endesa e EDP, están vinculados, xa que teñen os principais accionistas en común, o grupo estadounidense Blackrock. Outro tanto acontece con Acciona e Enel, de cuxo capital fai parte Capital Research".
Regueiro apunta que "o resultado é que a propiedade dos complexos eólicos na Galiza está, principalmente, en mans de grupos empresariais multinacionais, que se dedican á enerxía, á banca e aos investimentos diversos. A maior parte dos beneficios non se quedan na Galiza , porque esta actividade xera normalmente beneficios económicos que, en última instancia, poden ser atribuídos aos grupos empresariais que son os verdadeiros investidores dos parques eólicos".
As razóns do capital estranxeiro
Regueiro explica que "a presenza maioritaria de investidores estranxeiros, que lideran procesos de concentración de capital, viuse favorecida por un marco normativo que non permitiu a participación doutro tipo de axentes". Neste sentido, urxe a reflexión "sobre a forma na que se fomenta a enerxía eólica, o que leva á concentración dun recurso natural natural en mans dun pequeno grupo de propietarios reais".
Derivado de Nós Diario.