Todo o que precisas saber sobre as mudanzas que introduce a norma que vén de aprobar o Goberno estatal e que afectará o aborto, o embarazo, a educación sexual ou a saúde menstrual.
18 maio 2022
O Goberno estatal aprobou este martes en primeira lectura o proxecto de lei de saúde sexual e reprodutiva, que busca reformar a "lei de prazos" aprobada polo Executivo do PP en 2015. "É un novo avance para a democracia do país", destacou a portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez.
Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras, Rodríguez celebrou que esta norma permitirá "continuar ampliando dereitos", tras a aprobación hai 12 anos da Lei do aborto socialista. Este texto está recorrido perante o Tribunal Constitucional polos populares.
Neste senso, a ministra portavoz destacou que a nova lei ten tamén como obxecto "reverter algúns retrocesos" realizados polo PP coa súa maioría absoluta.
Garantías para o aborto
O proxecto de lei aprobado este martes, impulsado polo Ministerio de Igualdade, busca garantir o aborto na Sanidade Pública, permite a interrupción do embarazo a menores a partir dos 16 anos, elimina os tres días obrigatorios de reflexión e inclúe unha baixa incapacitante por interrupción voluntaria do embarazo, alén dun servizo de asistencia e acompañamento integral e especializado.
Obxección de conciencia
Do mesmo modo, garante a obxección de conciencia, que se regula de igual forma que na Lei de Eutanasia, para garantir que sempre haberá persoal dispoñíbel para a Interrupción Voluntaria do Embarazo. Aliás, a norma recolle que quen se declare obxector será de aplicación na sanidade pública e privada.
Pílula do día despois gratuíta
Desde o Ministerio destacan tamén entre as medidas desta nova norma que os centros de saúde distribuíran a pílula do día despois de forma gratuíta e en centros servizos de saúde sexual e reprodutiva. Trátase dun produto que actualmente vale 20 euros na farmacia, segundo indicaron as mesmas fontes.
O texto recolle tamén que as pílulas anticonceptivas de última xeración volverán estar cubertas pola Seguridade Social, e promoveranse os métodos de anticoncepción masculina para que non sexa só unha responsabilidade das mulleres.
Saúde menstrual
Por outra parte, esta lei dedica un apartado aos dereitos relativos á saúde menstrual das mulleres en todas as etapas da vida que inclúe, alén da xa anunciada baixa específica para as mulleres que teñan regras moi dolorosas e incapacitantes, que nos institutos, prisións, centros da muller, centros cívicos ou centros sociais, se repartirán gratuitamente produtos de saúde menstrual, como tampóns, compresas ou copa menstrual, co obxectivo de acabar coa pobreza menstrual.
Educación sexual
Tamén se recolle a repartición de forma gratuíta de métodos anticonceptivos en centros educativos vinculada a campañas sobre educación sexual. Isto inclúese no capítulo de Educación Sexual, onde se apunta que esta será integral nas principais etapas educativas co obxectivo de ofrecer coñecementos baseados no consentimento e as relacións fomentadas nos bos tratos.
Embarazo
Ademais, segundo indicaron as fontes de Igualdade, crearanse centros públicos de atención especializada en saúde sexual e reprodutiva e unha liña de atención telefónica; e formarase de forma específica en educación sexual e menstrual a profesores e profesoras, funcionarios e funcionarias de prisións, traballadores e traballadoras públicos.
Noutra orde, esta nova norma inclúe medidas para fomentar as boas prácticas en todas as etapas do embarazo, especialmente no parto e no posparto; entre elas, a incorporación dunha baixa preparto desde a semana 39 de xestación, que non consumirá ningún día do permiso de maternidade.
Xestación subrogada
Aliás esta norma non perseguirá finalmente as parellas que recorran á xestación subrogada noutros países, malia que si declara esta práctica como violencia reprodutiva contra a muller. Tamén recolle outras violencias contra as mulleres relacionadas con este tema, como a esterilización forzosa para as mulleres con discapacidade ou o embarazo e aborto forzoso.
Derivado de Nós Diario.