E-distrito

Noticias

Alfonso Rueda, elixido sexto presidente da Xunta

Alfonso Rueda, elixido sexto presidente da Xunta

  O que agora vén, sinala o novo presidente da Xunta, non vai ser unha "ruptura", senón "continuidade da boa" a respecto dos mandatos dun Feijóo a quen "non vai deixar de reivindicar"

  13 maio 2022

  "O candidato son eu". No debate previo á súa investidura como presidente da Xunta, Alfonso Rueda reafirmou en diversas ocasións a súa condición. Fíxoo en resposta ao grupo do  BNG no que de forma sorpresiva Ana Pontón interpretou o papel dunha suposta investidura propia na que comenzou a anunciar medidas que supostamente tomaría. 

  A maioría absoluta do PP elixiu este 12 de maio nunha accidentada votación o ata agora vicepresidente como substituto de Alberto Núñez Feijóo na xefatura do Goberno galego coa oposición de BNG e PSdeG. Tras o seu discurso do pasado martes, no que combinou garantías de continuísmo con promesas de actualización dalgunhas políticas de Feijóo, quen xa é sexto presidente da historia da autonomía galega consumiu unha parte das súas intervencións en censurar a actuación do Goberno de España do PSOE e UP a través do voceiro do PSdeG.

  O que agora vén, sinala, non vai ser unha "ruptura", senón "continuidade da boa", o cal asegura que non é sinónimo de carencia dun proxecto político de seu. "Eu teño un proxecto, non podería chegar aquí se non tivese un proxecto", asegura Rueda, quen augura que "se irán coñecendo" as súas medidas, orientadas ao que "en conciencia" considere "mellor para os galegos e galegas".

  "Traballo", "familia" -á que desta volta engadiu "en calquera das súas formas"- e "futuro", di Rueda, serán os principios inspiradores dunha Xunta á que tamén presenta como antítese do Goberno de España, óptica dende que a que deu en proclamar o "respecto á súa maxestade o rei" como unha das claves do mandato. Dende as "grazas" a Feijóo, a quen "non vai deixar de reivindicar", Rueda finalizou comprometéndose a gobernar para "toda Galicia", cos "galegos de onte no recordo, os de hoxe na cabeza e os de mañá, no corazón". 

  Intervencións dos grupos parlamentarios

  Ante a presentación parlamentaria do novo presidente, dende o grupo máis numeroso da oposición a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,  considerou a investidura de Rueda o inicio dunha "conta atrás" para un Goberno do BNG tras o mandato dun "presidente accidental" que augura breve. A líder do Bloque, a quen Rueda reprochou que sexa deputada dende 2004, formulou o seu discurso como unha caste de primeira volta previa á disxuntiva electoral entre os modelos do PP e do Bloque. Por iso dedicou a maior parte da súa intervención a expoñer as liñas mestras do programa de goberno da formación soberanista, no que Rueda descualificou como "investidura virtual dos mundos de Yupi".

  O socialista Luis Álvarez puxo en dúbida a preparación e mesmo as gañas de Rueda para ser presidente da Xunta. Unhas críticas persoais que foron contestadas polo popular minimizando o papel do PSdeG. Rueda centrou as súas máis limitadas verbas dirixidas a Álvarez en criticar a Pedro Sánchez. Mesmo en recuperar, novamente, o goberno de coalición de PSdeG e BNG que houbo entre 2005 e 2009, un "bipartito" que os populares seguen a presenter como orixe de todos os males de Galicia.

  Tanto Pontón como Álvarez achegáronse a Rueda para trasladarlle os parabéns pola súa elección. Aproveitaron, ao mesmo tempo, para despedírense de Feijóo.

  Pola súa banda, desde o PP o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, que tras a súa primeira intervención sufriu unha indisposición pola que tivo que ser trasladado ao hospital, salientou que “poucas cousas máis normais nunha democracia que chegado o caso de ter que substituír un presidente sexa o seu vicepresidente o elixido”. “Fronte a esta obvia normalidade”, dixo o popular, “o que escoitamos das dúas oposicións”, asegurou, foron críticas e ideas vagas que denotan a súa “debilidade”. “Alfonso, parabéns”, felicitou Puy a Rueda.

  Puy sufriu a súa indisposición minutos despois da primeira quenda de réplicas, polo que na segunda foi substituído por Miguel Tellado, aínda vicevoceiro do grupo parlamentario popular, quen cargou contra o “sucursalismo” do PSdeG respecto do PSOE de Pedro Sánchez e contra a “política de rebotados” do BNG. Fronte a eles, “fracasados” e con propostas “lamentables”, Tellado asegura que con Rueda “hai presidente para Galicia”.

  Tras a votación deste xoves, Rueda tomará posesión do cargo o sábado, coa expectativa de facer pública a composición do seu Goberno o domingo e que este comece a funcionar o luns.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados