E-distrito

Noticias

"Seguirei servindo á terra nai" di Feijóo na súa despedida do Parlamento de Galicia

"Seguirei servindo á terra nai" di Feijóo na súa despedida do Parlamento de Galicia

  O hemiciclo despediuno coas bancadas do PP aplaudindo e o recoñecemento "institucional" da oposición, que coincidiu en lamentar a situación na que deixa Galicia.

  28 abril 2022

  Feijóo dimitirá como quinto presidente da Xunta de Galicia e tras 13 anos e uns días no cargo “esta semana”, dous meses e medio despois de que estourase a crise do PP estatal que o levou á súa presidencia. Así o anunciou este mércores no Parlamento, nunha sesión de control ao seu goberno que a oposición aproveitou para facer balance xeral dos seus mandatos concluíndo que a Galicia de hoxe está “peor da que encontrou”.

“Seguirei servindo á terra nai”, asegurou Feijóo na súa despedida da Cámara, na que é deputado desde 2005, hai case 18 anos. Un hemiciclo que o despediu coas bancadas do PP aplaudindo en pé, e co saúdo persoal e o recoñecemento "institucional" dos portavoces da oposición, Ana Pontón e Luis Álvarez. Os dous coincidiron en lamentar a situación na que deixa Galicia, que segundo Álvarez pasará “dun presidente interino a un presidente en prácticas”, mentres que Pontón amosoulle o seu “respecto institucional como presidente da Xunta” e sorte no persoal pero matizando que “ten que entender que non podo desexarlle éxitos no político”.

  Na sesión de control deste mércores, que o propio Feijóo cualificou como “non a última senón a derradeira”, a oposición presentou un similar panorama dunha Galicia con menos médicos e mestres, menos escolas, camas nos hospitais e poboación en xeral, e sumida agora nunha crise de prezos contra a que asegura que a Xunta non está a actuar dentro das súas competencias. Pola contra, as respostas de Feijóo foron ofrecer datos contrarios aos de BNG e PSdeG sobre a evolución de Galicia na última década e poñer o foco no Goberno de España como principal responsable da actual crise pola súa negativa a baixar os impostos que queren os populares e por unha transición enerxética “desordenada, improvisada e inxusta”.

  Ante as reiteradas apelacións de Feijóo ao Goberno de Pedro Sánchez para que baixe impostos, a resposta de Pontón foi que “non hai que baixarlle os impostos aos ricos como fai vostede como presidente da Xunta” senón aplicar “medidas para evitar o empobrecemento da clase traballadora” e cambios estruturais na economía galega, o que ao seu ver non fai o PP.

  “Veu aquí a facer de líder do PP e nin tan sequera na súa última sesión de control a exercer como presidente de Galicia”, reprochoulle Pontón, para quen “o PP é o pasado e o primeiro en deixar o barco en Galicia é vostede”. “Hai fame de cambio neste país, e no BNG aspiramos con toda a humildade e toda a ambición a liderar ese cambio”, asegurou a voceira nacionalista. 

  Pola súa banda, o portavoz socialista, Luis Álvarez, que fixo unha descrición da situación de Galicia similar á de Pontón, lamentouse de que “imos pasar dun presidente interino a un presidente en prácticas”, en referencia á axenda do ata agora presidente centrada nas últimas semanas na política estatal e ao próximo nomeamento como o seu substituto de Alfonso Rueda. A resposta de Feijóo foi que “calquera membro deste goberno ten máis experiencia que todo o grupo parlamentario socialista xunto”.

  Feijóo dixo que o partido socialista está “desnortado”. “Deixaron de ser un partido de Estado en Madrid e aquí deixan de ser un partido galego”, dixo, acusando ao PSdeG de pregarse aos ditados do PSOE estatal. Igualmente, ao BNG acusouno de entregarse aos independentismos doutras nacionalidades.

  Foi no remate da súa derradeira intervención, cando xa superara amplamente o tempo que tiña para falar, cando Feijóo anunciou que dimitirá como presidente “esta semana”. Na súa despedida ca Cámara expresou a súa “gratitude especial e infinita a Galicia polo cariño que recibín sempre de todos os galegos e todas as galegas”, aos deputados e deputadas cos que coincidiu e “de forma concreta aos 17 voceiros da oposición cos que tiven ocasión de debater”, dos que citou expresamente ao nacionalista Francisco Jorquera e os socialistas Xoaquín Fernánde Leiceaga e Jose Luis Méndez Romeu. “Con sinceridade pido desculpas por todos os erros que cometín que seguro que foron algúns máis que os que me gustaría”, dixo, así como “por calquera expresión que utilizara que a vostedes lles parecera ofensiva”. “Seguirei servindo á terra nai”, rematou. 

  Previamente, na súa última intervención antes do peche do debate por parte de Feijóo, Pontón xa lle transmitira o seu “respecto institucional como presidente da Xunta”. “Teño un enorme respecto polo meu país e as súas institucións”, dixo a nacionalista, que tamén desexou ao popular “o mellor no persoal”. “Ten que entender que non podo desexarlle éxitos no político, pero si toda a sorte e o mellor no persoal”, dixo.

  Finalmente, tras o peche por parte de Feijóo, tanto Pontón como Álvarez achegáronse ao escano do aínda presidente, co que se deron as mans e intercambiaron unhas palabras. 

  Derivado de "Praza"

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados