A Unidade de Tabaquismo da USC lanzou o proxecto en 2021 e conseguiron dar atención psicolóxica personalizada a case 100 persoas nun ano
20 abril 2022
A aplicación para deixar de fumar, deseñada pola Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Universidad de Santiago de Compostela (USC), finalizou o seu primeiro programa de oito semanas de seguimento terapéutico con éxito. A pesar de que non terán os resultados completos ata outono de 2022, Ana López Durán, coordinadora do proxecto xunto a Eduardo Becoña, adianta que cerca do 70% dos pacientes que probaron a terapia a través da aplicación conseguiron a abstinencia.
Durante os 30 anos de experiencia que ten esta Unidade de Tabaquismo conseguiron grandes avances co Programa para deixar de fumar, referente nacional e internacional no tratamento cognitivo-condutual para abandonar o tabaquismo. En 2021, o grupo puxo en marcha a idea dunha app móbil que permitise aos seus pacientes realizar un tratamento psicolóxico acompañados por profesionais sanitarios, nun total de oito semanas de seguimento. Desta forma, intentaron solucionar algúns dos puntos máis problemáticos á hora de deixar de fumar, como é a fase de recaída e de adherencia ao tratamento.
A app é gratuíta e conta cun sistema de apoio diferenciado en dúas partes: unha principal para deixar de fumar e outra adicada ao mantemento da abstinencia. “O obxectivo nestas oito semanas é o de reducir progresivamente o consumo de tabaco mentres reciben un acompañamento continuado, no que poden aprender estratexias para abandonar totalmente o consumo e para manterse abstinentes”, explica Ana López Durán.
Despois dos 3, 6 e 12 meses, os terapeutas contactan de novo cos pacientes para saber se mantiveron a abstinencia durante o trascurso dese tempo e seguir prestando axuda se así o precisan. A aplicación proporciónalles unha serie de recursos aos que poden recorrer cando lles apetece fumar, cando precisan distraerse ou simplemente para recordarlles os motivos polos que o deixaron. Deste modo, pretenden descubrir cales son as vías máis eficaces e os compoñentes que máis lles axudan á hora de manter a abstinencia.
Os primeiros resultados adiantan o éxito do proxecto
Este proxecto conseguiu dar atención psicolóxica personalizada a case 100 persoas durante un ano. Os primeiros pacientes terminaron o tratamento a finais de 2021, polo que nesta segunda parte do proceso os investigadores analizarán os resultados do seguimento da mostra reclutada nesta parte da intervención. Os resultados finais serán publicados entre setembro e outubro de 2022, mais xa teñen algúns datos preliminares que deixan ver o futuro prometedor desta terapia. “O 97,5% da mostra evaluarion o uso da ‘app’ como satisfactorio e eficaz. Máis do 90% admitiron que este tipo de terapia lles axudou a deixar de fumar e que a recomendarían a outros fumadores”, detalla a coordinadora.
O proxecto chega á súa fin en maio de 2023, polo que a Unidade de Tabaquismo aínda segue traballando cada semana con máis persoas que intentan deixar de fumar de forma telemática dende esta ‘app’. Nun principio, o proxecto fora ideado para ofrecer atención psicolóxica presencial, pero coa chegada da covid e das súas consecuencias víronse obrigados a manter a modalidade en liña. “Fixemos unha análise de datos para comprobar se había diferenzas entre o tratamento presencial e o telemático e os resultados foron os mesmos, polo que de momento estamos mantendo o sistema en liña que nos permite ampliar o radio de acción e chegar a persoas de todos os recunchos de España”, comenta López Durán.
A franxa de idade dos pacientes, principalmente, atópase entre os 40 e os 45 anos, mais o uso da app para deixar de fumar convertiuse tamén nun recurso atractivo para a poboación menor de idade, que adoita ser máis resistente á hora de pedir tratamento. Ademais, Ana López explicou que nos últimos anos incrementouse o número de mulleres que buscan axuda para o tabaquismo. Actualmente é lixeiramente maior a porcentaxe de mulleres sobre a de homes que demandan este tratamento.
Continúa a investigación para mellorar o tratamento
Un ano despois do lanzamento da aplicación, os coordinadores do proxecto aínda seguen impresionados coa boa acollida que tivo a app e os resultados preliminares da mesma. “Nun principio tiñamos medo de que a xente se liase co uso deste tipo de dispositivos, pero case o 100% sinalou que foi unha forma moi útil de saír da adicción“, revela a docente. “Ademais, hai outra parte positiva da dixitalización deste tipo de terapias, unha parte ecolóxica, pois antes tiñamos que utilizar moito papel para facer os autorrexistros dos pacientes e para facilitarlles información, agora todo está a través da app“, engade.
Porén, os investigadores non cesaron os seus esforzos e persisten na posible mellora do tratamento nesta ferramenta dixital. Algúns puntos nos que seguen traballando é en dar resposta a algúns dos problemas que se atopan para que a xente deixe de fumar. Nos últimos anos estudaron os cambios nos perfís de fumadores que demandan tratamento. “Un dos máis rechamantes foi que nos últimos anos apareceu unha maior porcentaxe de xente que presentaba sintomatoloxía depresiva ligada ao deixar de fumar”, indica a coordinadora do proxecto. Deste modo, introduciron na aplicación un programa expresamente destinado a este tipo de pacientes, cos compoñentes necesarios para paliar este problema adicional da adicción.
Ademais, entre sesións a aplicación manda notificacións ao móbil dos pacientes para mantelos motivados para seguir adiante co seu propósito, xa que son bastantes os pacientes que admitiron precisar un ‘impulso’ para chegar á seguinte semana sen probar un cigarro. “Durante estes meses intentamos deseñar algo que a partir da nosa experiencia e as nosas investigacións nesta área, intente facer máis sinxelo o procedemento”, engade a profesora.
A pesar do éxito da aplicación, os autores insisten en seguir investigando sobre todo na intervención de tipo preventivo. Aínda que cada ano conseguen deixar de fumar moitas persoas, a Organización Mundial da Saúde publicou en 2021 que a cifra de persoas maiores de 15 años que fuman a diario en España ascendeu ata os 8,6 millóns.
Derivado de GCiencia.