O aínda mandatario galego integrou nos órganos do partido á totalidade dos baróns galegos así como a persoas do seu círculo próximo.
04 abril 2022
O PP galego após Feijóo será outra vez dos baróns territoriais. Así se explica a presenza no Comité Executivo dos populares da totalidade dos presidentes provinciais do PP. Malia que a composición deste órgano será ampliada, integrando ao presidentes da formación nas distintas comunidades autónomas, Feijóo quixo ter cerca ás persoas que se pelexan pola súa herdanza en Galicia.
Xosé Manuel Baltar Blanco, presidente da Deputación de Ourense e responsábel do partido na circunscrición, é un deles. Separado tradicionalmente de Feixoo, quen lle tentou mover a cadeira promovendo un candidato alternativo, aspira a gañar poder no novo Goberno galego valéndose do seu peso interno.
Diego Calvo, presidente do PP coruñés, é o novo responsábel do comité electoral da formación. A súa designación non cumpre as expectativas dunha persoa que aspira a liderar o PP en Galicia e que nalgúns círculos aparece como o principal rival interno de Rueda. Será dos nomes que dean guerra no proceso de relevo en Galicia.
Elena Candia, líder do partido en Lugo, consegue, tamén, un posto no Comité Executivo. Designada por Núñez Feijóo, a súa presenza no mesma refórzaa diante dos seus, ao tratarse dunha dirixente moi contestada no seu territorio. A súa aspiración é sentarse no Consello da Xunta, está por ver a forza coa que conta para conseguilo.
Alfonso Rueda, presidente dos populares pontevedreses e probábel relevo de Feijóo, non o vai ter doado. Quédalle por diante acordar coas distintas familias do partido e convencer á militancia de que é un candidato con posibilidades nas eleccións de 2024. A súa capacidade para integrar e pactar internamente, verase nas próximas semanas.
Francisco Conde, vicepresidente segundo da Xunta da Galicia e responsábel da área económica, é sobre todo un amigo persoal de Feijóo desde hai máis de 25 anos. Apartado da carreira sucesoria, agárdase o seu retorno a Madrid, onde reside unha parte da súa familia, como asesor económico do novo presidente dos populares.
Ana Pastor recunca na Executiva, malia a distancia que a separa desde hai tempo de Núñez Feijóo. Próxima a Mariano Rajoy, o seu enfrontamento co aínda mandatario galego xoga na súa contra, porén está chamada a asumir responsabilidades de relevo no grupo parlamentario popular do Congreso dos Deputados.
José Manuel Romay, mentor de Núñez Feijóo e de Mar Sánchez, o seu nomeamento é toda unha declaración de intencións. Considerado durante décadas un poder fáctico do partido, o seu nome explica boa parte das grandes decisións do espazo da dereita así como da vida política de Galicia, entre elas o desembarco de Escotet nas caixas galegas.
A Xunta Directiva do PP é o máximo órgano de dirección da formación entre congresos. Formada por arredor de 250 persoas, suma a presenza do secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez e da responsábel de Política Social, Fabiola García. Esta última, moi próxima a Núñez Feijóo aparece como un dos grandes valores do PP galego nos próximos anos.
Derivado de Nós Diario.