O Comité Nacional de Transportes por Estrada acada un acordo co goberno que a autoproclamada "Plataforma" convocante do paro boicotea.
25 marzo 2022
O Goberno central e o Comité Nacional de Transportes por Estrada (CNTE) -órgano de negociación no que non está incluída a plataforma convocante do paro que suma xa doce días- alcanzaron un acordo a pasada madrugada que inclúe unha rebaixa de 20 céntimos por litro no combustible ata o 30 de xuño e medidas por máis de 1.000 millóns de euros para o sector.
No entanto, a Plataforma de Defensa del Transporte por Carretera que impulsou a protesta mantén os paros ao rexeitar o acordo subscrito pola representación maioritaria do sector e cualifícao de "migallas e propinas", segundo asegurou o presidente do colectivo, Manuel Hernández, nunha entrevista en RNE. Noutras declaracións, a entidade insiste en desbotar o pacto, advirte de "subvencións" e mesmo alerta de "saqueo" a través de impostos.
De feito, mantéñense mobilizacións e a plataforma maniféstase no centro de Madrid na mañá deste venres malia o acordo, con berros de "dimisión" dirixidas á minstra de Transporte, Raquel Sánchez, ou berros contra o Goberno de Pedro Sánchez. Ademais, Hernández cualifica de "mafia opresora" o CNTE que, pola súa banda, confiaba en que o acordo lograse "desconvocar" o paro, algo que non foi aínda posible de todo.
En Galicia, durante a mañá, mantivéronse os piquetes ante o porto da Coruña á espera das asembleas para decidir se o paro se mantiña ou non.