E-distrito

Noticias

Chegou a hora de retirar a máscara en interiores? Os expertos din si

Chegou a hora de retirar a máscara en interiores? Os expertos din si

  Tanto a microbióloga María Tomás como a inmunóloga África González optan pola volta á normalidade, aínda que difiren na cuestión dos prazos

  15 marzo 2022

  Agora que está rematando a sexta onda e a incidencia de casos da covid baixa, tanto a nivel nacional como nos países máis próximos, algunhas comunidades comezan a propoñer a retirada da máscara tamén nos espazos interiores.

  En concreto, mentres que Euskadi mantén unha posición contraria a esta retirada, Madrid pretende propoñela de forma xeneralizada, salvo contadas excepcións en contornas vulnerábeis (transporte público, hospitais ou residencias). No caso galego, polo momento, o goberno prefire manter a prudencia, aínda que tampouco hai unha postura totalmente contraria a esta medida.

  A microbióloga María Tomás, do departamento de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e portavoz da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC), mostra certo escepticismo cara ás peticións de retirada da máscara en interiores: “Eu agardaría a que a incidencia estivera por debaixo dos 100 casos por cada 100.000 habitantes. Agora xa non temos o nivel de test que tiñamos antes polo que a incidencia non é unha medida tan real, pero penso que o prudente é agardar cando menos á primavera“.

  Algo similar é o que propón a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo) África González, aínda que na súa opinión a retirada será unha realidade a máis curto prazo: “Agora mesmo hai diferenzas na incidencia e hai comunidades que teñen valores máis altos ca outras. No caso de Galicia, o aumento vén despois do Entroido e sobre todo en persoas novas e crianzas. Aínda así, a situación a nivel hospitalario e de UCI está mellor, entón entendo a precaución, pero tamén penso que a xente está cansa. Outros países con incidencias máis altas tamén están relaxando medidas. O tema de quitar a máscara é unha forma de volver á normalidade e eu espero que sexa unha cuestión de días”.

  Os motivos

  Aínda que as expertas difiren un pouco nos prazos para levar a cabo esta retirada, ambas coinciden na aprobación da medida. No caso de González, esta incide na evolución que amosou a variante ómicron nesta última onda da pandemia: “Estamos vendo que cada vez é máis como un resfriado común e iso é grazas á vacinación e á enorme infección e cantidade de contaxios que houbo. Unha vez que o sistema inmunitario viu o virus, a resposta posterior, aínda que non sexa completa se a variante cambia, si que imos ter unha certa protección. As novas ondas nunca serán como as primeiras. A variante ómicron fixo que moita xente que non estaba vacinada tivera un reforzo na súa inmunidade“.

  Tomás, quen opta por agardar un mes para a entrada en vigor desta retirada, pon atención nos pacientes máis vulnerábeis: “Moitos dos tratamentos contra a covid seguen baixo ensaios clínicos. Hai que seguir protexendo aos pacientes vulnerábeis, que son os que poden sufrir unha covid severa e chegar á hospitalización”. Algúns dos tratamentos que pon de exemplo a microbióloga son os de AstraZeneca, que malia estar en circulación aínda non hai un protocolo estabelecido, e o Paxlovid de Pfizer, recentemente aprobado, pero que aínda non comezou a administrarse en España.

  Outro dos motivos detrás da prudencia de Tomás é a vacinación infantil: “En Galicia aínda seguen vacinándose os nenos de oito anos e ata que non pasen sete ou dez días da segunda dose non van estar totalmente protexidos. Agardar a que teñan a segunda dose sería o correcto, especialmente para evitar unha maior propagación do virus. Non é como antes, pero non pasa nada por ser cautos”.

  Medidas que deben manterse

  A pesar de que ambas consideran correcta a decisión de retirar a máscara en interiores, tamén coinciden nas medidas que deben manterse, especialmente ollando por aquelas persoas que aínda poderían sufrir as consecuencias máis graves do virus.

  “Deberíamos levar a máscara igual en residenciashospitais e transporte público, onde pode haber unha maior porcentaxe de persoas vulnerables. Non creo que teña moito sentido seguir facendo test en asintomáticos, pero si seguir coidando a ventilación. Entendo que é difícil poñer filtros EPA en todos os estabelecementos, pero podemos facilitar a ventilación cruzada e airear as habitacións frecuentemente”, explica a microbióloga.

  As residencias, os hospitais, os centros de saúde e o transporte público tamén son os lugares onde González estabelece as excepcións á retirada da máscara e, ademais, engade outro matiz: “En determinados sitios nos que, aínda que sexan ao aire libre, existan aglomeracións, como nas competicións deportivas”.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados