Josep Borrell, Alto Representante da UE para Política Exteriror e Seguridade, pide sacrificios aos cidadáns europeos para prescindir paulatinamente do abastecemento ruso.
10 marzo 2022
Bruxelas publicou este martes un plan sobre como reducir a dependencia da UE das importacións de gas do seu principal provedor, Rusia, en resposta á invasión de Ucraína. Unha guerra que vén a agravar a crise enerxética que se vive nos países do club comunitario, dentro ademais do marco da emerxencia climática que vive o Planeta, provocada polo uso masivo de combustíbeis fósiles.
O plan non chega a propor unha eliminación gradual do gas fósil na súa totalidade, mais si acelerar a implantación de enerxías renovábeis así como medidas para mellorar a eficiencia enerxética. O obxectivo principal a curto prazo é reducir de forma significativa a dependencia do gas natural ruso para 2023. Momentaneamente, apóstase pola diversificación das importacións de gas fósil da UE, e do hidróxeno e do biogás.
Unha venda de emerxencia para unha ferida demasiado grande e fonda. Así o considera Greenpeace, que sostén que "outras fontes de gas fósil, hidróxeno ou biogás manterían a UE enganchada á queima de combustíbeis e vulnerábel a futuras crises enerxéticas, ademais de empeorar a crise climática".
A maioría dos combustíbeis fósiles que importa a UE veñen de Rusia. En 2019, foron 40% das importacións de gas fósil, cuarta parte das de cru e case a metade do carbón. En total, a importación de enerxía da UE desde Rusia ascendeu a 60.100 millóns de euros en 2020.
Facendo fincapé en ambas as dúas cuestións, a moral e a ambiental, leva tempo incidindo Frans Timmermans, comisario europeo para o Pacto Verde. Xa en setembro pasado, ante a escalada nos prezos da enerxía, afirmaba no Parlamento Europeo: "Se tivésemos o Pacto Verde hai cinco anos non estariamos nesta situación". E avisaba de que a transición "vai ser condenadamente dura, e ninguén debería facerse ilusións de que vai ser doada", mais canto máis se tarde en acelerar esa viaxe tecnolóxica ─engadía─, máis volátil será o sistema. Máis cara será a luz.
Baixar a calefacción
Na liña desta situación "condenadamente dura" que lle toca vivir á cidadanía da UE, agravada polo conflicto en Ucraína, chegaron as declaracións do xefe da diplomacias comunitaria, Josep Borrell. "Os europeos necesitan que o ruído das bombas ás cinco da mañá ao caer sobre Kiev os acorde do seu sono de benestar e lles permita afrontar os desafíos que o mundo proxecta sobre nós", manifestou onte no debate sobre a situación en Ucraína na Eurocámara.
E solicitou sacrificios análogos aos realizados durante a pandemia da Covid-19 na "cruzada política" contra Rusia, pedindo directamente baixar a calefaccións nas casas ao igual que se tivo que usar a máscara durante a crise sanitaria. "Corten o gas nas súas casas, diminúan a dependencia de quen ataca Ucraína e comprometámonos máis nunha defensa colectiva", resumiu, apelando a "un compromiso colectivo ante unha tarefa histórica". "Comezamos tarde, mais máis vale tarde que nunca", sinalou.
Sistema marxinalista
Para que as grandes compañías eléctricas (como as que operan no mercado español, que fecharon 2021 triplicando beneficios) tamén participen destes "sacrificios", Bruxelas abriu a porta no plan presentado na terza feira a limitar "temporalmente" o contaxio automático da carestía do gas ao prezo da electricidade.
O sistema marxinalista que rexe o mercado eléctrico comunitario funciona de forma que a tecnoloxía de xeración máis cara (canto máis contaminante, máis cara) fixa o prezo do resto das fontes en poxa, polo que as compañías eléctricas que producen pouca enerxía con gas, mais que cobran toda a súa xeración a ese prezo, obteñen o que se coñece como "beneficios caídos do ceo".
No mercado entran primeiro as enerxías que menos contaminan e despois as seguintes ─máis caras─ de non se cubrir a demanda prevista. O prezo de referencia é o da última, que estabelece o de todas as anteriores, con denuncias polo medio de que as empresas manobran para dar entrada ás enerxías máis caras de forma artificial (como o baleirado a mantenta de pantanos por Iberdrola o verán pasado).
Este sistema marxinalista é unha imposición da UE, que o Goberno español tentou mudar sen éxito hai meses. A comunicación desta terza feira da Comisión contempla que os Estados poidan impor impostos temporais sobre estes beneficios, sempre que non sexan retroactivos e permitan ás empresas cubrir os gastos de produción.
Carestía da vida
Mentres, en países como Francia, van en aumento as mobilizacións sindicais para protestar polo aumento da carestía da vida e exixir un aumento de salarios, pensións e bolsas estudantís. A vindeira será o 17 de marzo.
Onte o ministro galo de Economía e Facenda, Bruno Le Maire, recoñeceu que a actual crise enerxética é "insoportábel para moitos dos nosos compatriotas" e "comparábel en intensidade, en brutalidade, ao shock petroleiro de 1973".
Derivado de Nós Diario.