E-distrito

Noticias

Por que afundiu o "Vila de Pitanxo"?

Por que afundiu o "Vila de Pitanxo"?

  A armadora do Grupo Nores, á que pertencía a embarcación, informou nun comunicado das causas do tráxico naufraxio.

  22 febreiro 2022

  O pesqueiro Vila de Pitanxo afundiu por mor dos golpes do mar que o escoraron, tras sufrir unha parada no motor principal durante unha manobra de xiro do aparello, segundo informou nun comunicado a armadora do Grupo Nores, á que pertencía a embarcación.

  No devandito comunicado, a empresa indica que, "segundo o que trasladou o patrón", Juan Padín (un dos tres superviventes do naufraxio), "o accidente produciuse durante a manobra de viraxe da plataforma".

  Nese momento produciuse "unha parada repentina do motor principal", que deixou o Vila de Pitanxo "sen motor nin dirección, exposta ao vento e ás ondas, sufrindo golpes de mar que o escoraron e o afundiron moi rápido".

  O naufraxio deste pesqueiro, con base en Marín, produciuse o pasado 15 de febreiro, a uns 450 quilómetros de Terranova. Dos 24 tripulantes do buque, tres foron rescatados con vida, Juan Padín, o seu sobriño Eduardo Rial Padín e o mariñeiro de orixe ganés Samuel Kwesi), e recuperáronse os cadáveres doutros 9 mariñeiros: Rogelio Franco, Miguel Lumbres, Diego Andrés Moré, Daniel Fernando Moré, William Arévalo Pérez, Ricardo Alfonso Cruz Flores, José Antonio Cordero, Fernando Santomé e Apaanah Pelungo Zure.

  O balance da traxedia tamén recolle a cifra de 12 tripulantes desaparecidos, e as familias pediron este luns, máis unha vez, que se retomen canto antes os traballos de busca, xa que hai previsión de temporal na zona a partir da cuarta feira.

  Precisamente, xestores da armadora mantiveron onte, 21 de febreiro unha reunión con estes familiares dos mariñeiros desaparecidos (o primeiro convocado formalmente con todos eles) no Porto de Marín, e trasladáronlle o seu "apoio e total disposición" para promover a reanudación da "tarefas de rastrexo", e “coñecer as posíbeis causas do tráxico accidente".

  A busca, "prioridade"

  Ao termo desa reunión, que se prolongou durante máis de dúas horas, a filla do xefe de máquinas, María José de Pazo, explicou que as familias reclamaron ao armador que apoie a súa petición para retomar a busca "dos 12 desaparecidos” porque é "a prioridade hoxe".

  Na mesma liña, Julio Torres, íntimo amigo de Samuel Kwesi, explicou que a empresa se comprometeu a manter "a presión a todos os niveis" para retomar estas tarefas, xa que "agora mesmo é o principal" e que, posteriormente, haberá que abordar a investigación das causas do suceso "até as últimas consecuencias".

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados