“Se hai problemas débense resolver de forma intelixente, non provocando ningún incendio”. Así se pronunciou este xoves o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, cando foi preguntado pola nova guerra interna que vén de desatarse no seu partido a nivel estatal nas últimas horas, con acusacións cruzadas de corrupción ou de guerra sucia entre a dirección de Pablo Casado e a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Feijóo tentou situarse nunha postura propia, pero deixando claro que está máis preocupado pola división interna da súa formación que podería estar a provocar a dirección estatal que pola actuación de Ayuso.