A medida ten carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2022.
10 febreiro 2022
O Goberno estatal chegou a un acordo esta cuarta feira con CCOO e UGT para subir o salario mínimo interprofesional (SMI) a 1.000 euros mensuais con efectos desde o 1 de xaneiro deste ano, o que supón 35 euros máis que o SMI vixente actualmente —965 euros ao mes por catorce pagas—.
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, asinou o acordo en nome do Goberno, mentres que os secretarios xerais de CCOO e UGT, Unai Sordo e Pepe Álvarez, respectivamente, asinaron pola parte sindical.
As organizacións empresariais CEOE e Cepyme non se sumaron a este acordo, tal e como se esperaba após rexeitaren na terza feira os seus órganos de goberno, por unanimidade, a proposta do Goberno, coincidente coa dos sindicatos, de elevar o SMI a 1.000 euros ao mes para 2022.
As patronais CEOE e Cepyme rexeitaron sumarse ao acordo
Nunha comparecencia de prensa tras a firma do acordo, a vicepresidenta agradeceu a todos os axentes sociais o traballo realizado nesta mesa e sinalou que, aínda que o acordo só se subscribiu cos sindicatos, o importante é que houbo diálogo social.
"O Goberno e os axentes sociais que hoxe asinan este acordo cumpren co seu país. Subir o SMI foi moi positivo para o noso país e moi positivo para a nosa economía", destacou a vicepresidenta, que engadiu que a "mellor ferramenta para combater a pobreza laboral" é o SMI.
O acordo entre o Goberno e os sindicatos prodúcese despois da reunión que decorreu desde as 11.30 horas entre os equipos negociadores do Ministerio de Traballo e dos axentes sociais —incluíndo os das patronais— para abordar a subida do SMI para este ano.
Derivado de Nós Diario.