E-distrito

Noticias

O videoxogo de mitoloxía celta "The Waylanders" convértese na maior aposta galega da historia no sector

O videoxogo de mitoloxía celta "The Waylanders" convértese na maior aposta galega da historia no sector

  Nos últimos cinco anos traballaron máis de 80 persoas no desenvolvemento desta superprodución, dispoñible en 8 linguas, entre elas o galego

  07 febreiro 2022

  O sector dos videoxogos é a industria cultural que máis medra dende hai anos e na actualidade move miles de millóns en todo o planeta, xerando milleiros de empregos. Tamén en Galicia, onde empresas como Gato Salvaje levan anos incrementando a súa actividade. O estudio coruñés embarcouse no ano 2017 na proxecto de grande ambición, unha superprodución que despois de 52 meses de traballo viu a luz este martes 2 de febreiro.

  The Waylanders é un xogo de rol (RPG) de fantasía ambientado na Galicia celta e medieval no que traballaron unhas 80 persoas, 40 delas na Coruña, nos últimos cinco anos. Despois de que hai uns meses se abrise un acceso anticipado para as persoas que apoiaran o lanzamento nas súas primeiras fases, dende hoxe o videoxogo está dispoñible en Steam e GOG a un prezo de 39,99 euros cun desconto durante a primeira semana do 20%. The Waylanders pódese xogar en 8 linguas: español, español-latino, inglés, francés, alemán, chinés simplificado, ruso e galego.

  O xogo, que viaxa entre época celta e medieval, inclúe recreacións da Catedral de Santiago románica, a Torre de Hércules, o Cabo Fisterra ou o Ézaro

  The Waylanders é un proxecto no que traballamos intensamente durante o últimos cinco anos, e todo o equipo está moi orgulloso do que conseguimos. Esta é unha historia nacida das nosas raíces galegas, e moitas das historias do noso patrimonio cultural inspiraron parte do proxecto, sempre coa intención de facelo visible internacionalmente", di o socio de Gato Salvaje Fernando Prieto.

  "O videoxogo é a industria cultural que máis crece a nivel internacional e o seu desenvolvemento supón unha oportunidade para rexións que, como Galicia, necesitan de nichos de emprego novo", subliñan dende o estudio, nacido no ano 2010 e que nos últimos 12 anos lanzou xogos como: AR-K,  La Gran Evasión ou Bullshot, o primeiro videoxogo en galego na plataforma Steam.

  O xogo está inspirado nas lendas e a mitoloxía celta de Galicia e Irlanda (especialmente no Libro das Invasións). A historia desenvólvese na Galicia castrexa e medieval e nela o Camiño de Santiago é tamén protagonista, incluíndo recreacións da Compostela medieval, da Catedral tal e como era na súa etapa románica, con detalles recoñecibles como o Pórtico da Gloria e referencias aos deseños do Mestre Mateo para a súa construción. Tamén se recrea a Torre de Hércules, a fervenza do Ézaro, o Cabo Fisterra e outros escenarios recoñecibles. 

  Gato Salvaje "quere demostrar que Galicia, o seu patrimonio e as súas paisaxes, son interesantes para os xogadores de todas as partes do mundo, e que é posible poñer en valor a súa cultura sen renunciar a contar unha absorbente historia de fantasía", destaca o estudio.

  Xunto a The Waylanders, Gato Salvaje Studio publicou tamén a Banda Sonora Oficial de The Waylanders a un prezo de 7,99€ que se pode descargar como un DLC ou extra do xogo. Esta banda Sonora inclúe 26 composicións, que totalizan 48 minutos de música orixinal composta para The Waylanders polo recoñecido e premiado compositor Inon Zur.

  Gato Salvaxe está xa a traballar na que será a primeira actualización do xogo, na que se engadirán novo contido e melloras. "Traballaremos escoitando de forma activa á comunidade para asegurarnos de que a súa opinión non cae en saco roto", destacan.

  The Waylanders toma como referencia clásicos como Dragon Age: OriginsNeverwinter Nights 2 ou Baldur’s Gate. O xogo viaxa entre dúas diferentes épocas, celta e medieval. "As eleccións que se fagan nun período de tempo teñen consecuencias no outro, de xeito que os xogadores sentirán o impacto das súas decisións de formas sorprendentes e impactantes", explican dende Gato Salvaje.

  O xogo conta cun sistema de combate estratéxico e innovador, que inclúe formacións especiais para unhas batallas con alta profundidade táctica. Os personaxes son completamente personalizables e con "distintas orixes" para que se adapte completamente a estilo de cada xogador ou xogadora. 

  A produción inclúe así mesmo unha ampla variedade de companions que acompañan o personaxe protagonista durante a aventura. "Poderás ter profundas conversas, descubrir o seu pasado, facer misións de lealdade para gañar a súa confianza e mesmo experimentar romances con eles", destácase dende o estudio Gato Salvaje.

  A Coruña nos videoxogos

  O xogo viaxa entre dúas diferentes épocas, celta e medieval

  O pasado mes de decembro estreouse na canle de YouTube de Recuncho Gamer o documental A Coruña nos videoxogos, dirixido por Iago Gordillo, un proxecto que busca divulgar a presenza da cidade da Coruña nos videoxogos e no que o xogo de Gato Salvaje Studio tiña un protagonismo especial.

  O pasado mes de decembro estreouse na canle de YouTube de Recuncho Gamer o documental A Coruña nos videoxogos, dirixido por Iago Gordillo, no que The Waylanders tiña un protagonismo especial

  A través de The Waylanders tratouse a representación da Torre de Hércules desde un punto de vista da cultura Celta e na Idade Media. Ademais, afondouse na representatividade da arquitectura, urbanismo e infraestruturas da Coruña e arredores a través do City Skylines, o Euro Truck Simulator 2 ou o Microsoft Flight Simulator. Tamén tiveron o seu espazo o Deportivo e o Estadio de Riazor. entre máis dunha decena de xogos nos que aparece A Coruña. A peza inclúe entrevistas a desenvolvedoras como Laksmy Irigoyen de Gato Studio, ao modelador Armesto3D e á historiadora Ana Romero Masiá.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados