A cantora, gaiteira e investigadora Carme López Fernández adora a tradición oral e o papel das informantes como heroínas anónimas que preservaron, xeración tras xeración, un legado patrimonial de valor incalculable.
Carme López, que provén da fabulosa orquestra SonDeSeu, está a presentar o seu primeiro disco, Vinde todas, que reflicte a tradición máis pura da Galiza poñendo as mulleres informantes nun primeiro plano e como motor principal da tradición oral, reivindicando a relevancia histórica e actual nun ámbito en que, adoito, foron marxinadas. Cada unha das cancións leva o nome da ou das mulleres de referencia no proceso de aprendizaxe das melodías, ademais de iniciar e pechar o disco cadansúa gravación de campo, as que reflicten o propio proceso de investigación etnomusicolóxica. Vinde todas é tanto un acto de memoria como unha declaración política, lembrándonos que a música é tamén un vehículo de transformación social.
.